Abellóns contra o lume

OPINIÓN

COA VAGA de incendios do 2006, os incendiarios fixeron o ben de incitaren un pobo enteiro a pensar e expor os seus pensamentos. Repasando páxinas de Opinión e Cartas ao Director de La Voz de Galicia, vese logo como a cidadanía preparou o terreo ao Executivo, ao Parlamento e á Xustiza cara a toda acción conducente a afastar a pantasma do lume. As suxestións para evitar que arda a metade da masa forestal de España foron múltiples e, dentro do suxerido, vixilancia e denuncia aparecen como constantes. Por iso sorprende a falta de comentarios sobre métodos aplicados no eido militar e que poderían valer para a protección dos montes galegos. Concretamente, sobre os abellóns ( drones en inglés) empregados para vixiar movementos, e mesmo para abater efectivos, de grupos armados non regulares. Son avións teledirixidos que reciben tal nome polo funguido dos seus propulsores. Equípanse con sistemas de supervisión que envían os datos do detectado a centros de decisión. Tamén se poden equipar con armas. Aparecen nos catálogos de produtos bélicos de Grecia, Israel, China, EE.UU., Alemaña... Galicia é un país orientado naturalmente á silvicultura, tanto madeireira como enerxética, de crecente valor ecolóxico-económico. Daquela, poderíase converter en adiantada nos usos pacíficos dos abellóns mecánicos contra o lume. Grupos de investigación non faltan para traballaren no desenvolvemento de aplicacións nesta área de coñecemento, que xunta a aviónica coa telemática. E o reto é ilusionante.