DESPOIS das parvadas que proferiu Pepe Rubianes, polo menos de pouca estética, xusto é dicir que rectificou e que pediu desculpas, aínda que mantivo, en canto ao nacionalismo español, unha por unha as súas palabras. Está no seu dereito: as súas opinións son súas e ninguén lle debera impedir que as manifeste. Así de sinxelo. Moito máis grave, sen dúbida ningunha, é que a prensa amarela minta, non só calando a súa rectificación, senón, o que é moito peor, que o seu espectáculo tivo que ser retirado polas actitudes tan primitivas de xentes que se senten discípulos de Torquemada ou de Goebbels. Prensa amarela que cala eses feitos e que deforma as adhesións ao artista, facendo aparecer a frase «Tots som Rubianes» como apoio dos socialistas do PSC ás frases rectificadas por este e non como solidariedade expresa, que é o que eran, coa barbarie chulesca que impediu o seu espectáculo en Madrid. Nin vergonza, nin profesionalidade, nin intelixencia: a prensa amarela é aquí como en todas partes -ou pode que peor que en ningures.