Numancia de la Sagra

OPINIÓN

QUEDAN xa poucos, porque andan nos noventa anos. Son os quintos galegos incorporados a filas no 36. Pero hainos aínda, e con feliz memoria que debemos aproveitar. En calquera circunstancia pódelles vir ao maxín o que viviron; poden falar de como «a terra enteira» tremía co rebentar dos obuses, como metrallaban os avións «canto se movese», como «ardía o mundo» á fin dunha batalla. Ardeu Azaña, poboación toledana devastada. E desapareceu da Historia de España pois os vencedores non quixeron que seguise existindo. Porque dese topónimo tomara apelido un ser demoníaco (ao xeito nacional-católico de entender a Patria): don Manuel, o presidente da República, ilustrado que mesmo se atrevera a traducir ao castelán The Bible in Spain do herexe George Borrow, «don Jorgito el Inglés». Azaña vén do árabe as-saniya , a nora (pozo, non muller de fillo), e foi parte daquel Andalus onde o idioma oficial era o do Corán. Mais toda esa carga histórica nada significou para os antirrepublicanos, que mandaron mudar o nome. Hoxe, o lugar da batalla que viviron os galeguiños levados á forza chámase Numancia de la Sagra; mais tal Numancia non ten relación directa coa cidade que se resistiu aos romanos senón co nome do rexemento franquista que tomou Azaña. A Sagra é a bisbarra da vila, aínda que esta puido ser «del Caudillo» (por non ser «de la Cruz» en memoria de Sor Juana, nativa de Azaña, predicadora franciscana á que escoitaban os grandes do seu século, como o Gran Capitán ou o emperador don Carlos).