Nacionalismos ao día

OPINIÓN

21 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

PENSO que neste tempo, e neste medio europeo, o nacionalismo corre o risco de quedarse, como doutrina, un tanto recuado. Ao mellor, para defender o esencial dos seus coñecidos principios vai ter que procurar outra linguaxe. Como ben di Ferrán Requejo, catedrático da Universidade Pompeu Fabra, a resolución dunha acomodación política satisfactoria do pluralismo nacional do Estado é máis unha cuestión de liberalismo e de democracia que de nacionalismo. Unha mellor regulación do pluralismo nacional interno atopa dificultades pola ausencia dunha cultura política de carácter plurinacional e federal na historia española contemporánea. Os nacionalismos, para teren relevancia práctica, teñen que construírse dentro de Europa. Como ben sinala Michael Keating, Europa é un espazo de democracia e de dereitos, polo que os movementos nacionalistas que comparten eses valores atópanse máis a xeito nese espazo que aqueles que predican a intolerancia, a xenofobia ou a violencia. E pensa que as nacións sen Estado tiveron algún éxito ao uniren as súas forzas a outras entidades territoriais máis poderosas, fixeron presenza en Bruxelas e intentaron o seu recoñecemento como institucións europeas. Pedro Ibarra, da Universidade do País Vasco, coida que a defensa da nación, e o seu correspondente discurso nacionalista, defendido polos tres nacionalismos españois, resulta perfectamente compatible co proxecto da Unión, xa que este non pretende a eliminación das entidades colectivas nacionais, senón facelas compatibles cun sentido de pertenza europeo, cunha certa identidade nacional europea. O xa citado Michael Keating, profesor do Instituto Universitario Europeo, Florencia, pensa que os nacionalistas deben procurar unha nova vía á autodeterminación distinta á tradicional, que se fundaba no que supón ser un Estado. Isto pode conseguirse a través do principio da soberanía dividida, agora amplamente recoñecido tanto por politólogos como por xuristas, en contraposición ao modelo de Estado unitario e soberano. Se a soberanía pode compartirse entre o Estado e Europa, tamén pode subdividirse para incluír as nacións sen Estado dentro dos Estados. Teremos máis ocasións de volver a tema tan apaixonante, por vivo e cheo de posibilidades e de suxestións.