Máis sobre o libro galego

OPINIÓN

BEN É CERTO que unha cousa é estar no goberno e outra na oposición. Sen a responsabilidade das contas, os discursos fanse doutra maneira. Hai poucos días o PP presentou unha crítica á política cultural da Xunta, máis especificamente ao tratamento que dende o bipartito se lle está a dar ao libro galego, que por manexar cifras e porcentaxes inexactas mereceu algunhas correccións do propio sector. Non é certo que a produción editorial en lingua galega veña a diminuír. Nun anterior artigo ( Cifras novas da edición, 8 de outubro) anotabamos nestas páxinas 1.706 títulos que produciu a empresa privada na nosa lingua, fronte a 1.547 no ano 2004, segundo o informe do Comercio Interior del Libro da Federación de Gremios de Editores de España. Preocúpanos que os responsables do PP manexen cifras inexactas polo que ten de desenfoque ou desautorización dos seus propios argumentos. Pero aínda máis nos preocupa que anuncien a súa desconformidade cunha Lei do Libro, xa demorada dabondo, que foi unanimemente consensuada no sector e que no seu día eles mesmos propuxeron, pois cómpre recordar que foi dende a Administración do PP (Pérez Varela) dende onde se propiciou este encontro, demandado de vello. O libro galego precisa dun apoio decidido, consensuado, enérxico e economicamente dotado. Este derradeiro punto é moi importante. A Lei, en si mesma, pode ser moi positiva, pero se non vai acompañada de recursos económicos e dunha política de actuacións que a poña en funcionamento, alén dos discursos teóricos, ficará en retórica vacua. Estamos afeitos a situacións deste tipo, e preocúpanos que por diverxencias políticas poidan xurdir atrancos nunha cuestión de tanta transcendencia. O Partido Popular reclama diñeiros para o libro, ademais de palabras. De acordo. Foi o que no seu momento o sector demandou e que, co PP no poder, non puidemos concretar. Alégranos que dende a oposición se vexan agora as cousas doutra maneira. E alégranos que se fale dunha política de apoio ás bibliotecas e ás librerías, e mais da necesaria revisión do actual modelo de gratuidade do libro escolar (modelo que o PP impuxo no seu momento e que aceptou cegamente a Administración actual), para o cal os editores e libreiros demandamos que se nos consulte cando menos. Preocúpanos, en fin, que na lexítima liorta dos escanos acabemos unha vez máis sendo nós (os homes e as mulleres do libro, os lectores e as lectoras en definitiva) quen paguemos os pratos que rompen outros.