Estado, nación, interdependencia

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

26 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO é sabido, a desmembración dos imperios austrohúngaro e otomán, especialmente o primeiro, cambiou o mapa europeo, posibilitando que xurdisen novos Estados de nacións sometidas a eles, do mesmo xeito que sucedeu logo cos pobos que se liberaron do colonialismo ou, máis recentemente, do imperio soviético. O nacionalismo, pois, foi a doutrina política que primou en Europa ata o final da Segunda Guerra Mundial. Os nacionalismos ibéricos non foron alleos aos seus alicerces teóricos. Os nacionalismos pretenderon sempre para si as competencias e características do Estado, unhas veces a curto e outras a longo prazo: se somos unha nación tamén debemos ser un Estado. E esta doutrina seguiu, e segue sendo, a espiña dorsal do pensamento nacionalista, confésese con esta claridade ou disfrácese como se queira. O que importa é que o mundo deu moitas voltas despois da Segunda Guerra Mundial. Fíxose máis interdependente. E Europa, que é o que agora nos interesa, empezou a decatarse de que só unindo esforzos e conxuntándoos podía significar algo nese mundo interdependente que se debuxaba rematada a guerra e que ata hoxe seguiu sendo, e de maneira crecente, máis interdependente. Unha das consecuencias máis claras desa realidade foi que o Estado, obxecto de especial culto dende Hegel, empezou a desdebuxarse, ou, se se prefire, a coller características novas: tiña que ceder competencias por arriba (á UE, por exemplo, que non é un Estado) e por abaixo (ás comunidades con autonomías de diferente alcance). Ou aínda aturar híbridos que non acaba de dixerir, como as eurorrexións, que xa veremos. Se hai algo totalmente superado é o nacionalismo, o nacionalismo que deu lugar ao principio das nacionalidades, o nacionalismo que identifica Estado e nación. Pode que non sexa politicamente correcto dicilo, pero xa vai sendo hora de entendelo, de telo en conta e de proceder conforme a unha das realidades máis manifestas do noso tempo. Pero aquí, entre nós, un ten a impresión de vivir noutro mundo. Urxe, pois, se queremos ser prácticos e non ilusos, poñer ao día conceptos como autodeterminación (hoxe nin sequera o Estado pode autodeterminarse), o mesmo concepto de nación, que non pode ser o dos teóricos do nacionalismo e, por riba de todo, a identidade que como pobo queremos desenvolver de forma xurídica para o seu mellor encaixe. Cuestións non pequenas e das que, naturalmente, nada nos din os nosos políticos.