NOS ÚLTIMOS días estase a botar man con moita frecuencia da excepcionalidade das circunstancias climatolóxicas para xustificar a falla de previsión diante das desfeitas dos lumes deste verán e as cheas deste comezo outonal. Certamente que a seca de agosto e as chuvias de outubro non foron as normais de Galicia. Pero de aí a considerar que non sexan previsibles fica un bo treito, pois na actualidade existen xa series de datos pluviométricos da extensión e calidade suficientes como para poder avaliar con rigor a probabilidade de que determinados episodios extremos puidesen acontecer neste país. Polo tanto atopámonos diante duns riscos importantes que por moi improbables que fosen están perfectamente definidos e, en certa maneira, preditos. O problema non está, pois, no coñecemento destes riscos senón na percepción, valoración e xestión que se poida facer deles. O sociólogo alemán Ulrich Beck, despois de Chernóbil definía a actual como a sociedade do risco, e todo o movemento que se suscitou en moitos países nos anos seguintes, diante de todo tipo de riscos, camiñou no sentido de aprender a xestionalos. Moitos deles foron os de orixe climática, que viñeron sempre caracterizados por unha forte aleatoriedade. O principio de precaución consagrado por numerosas instancias internacionais, entre as que está a UE, recomendou que se actuase cada ano como se fosen a producirse nel os danos que se derivarían dun determinado risco. Que as estatísticas nos amosasen que en moitos anos iso non acontecía non invalidaría as medidas de precaución adoptadas. E o mantemento desta situación de alerta permanente tería un custo que se xustificaría na medida da gravidade e a probabilidade do risco. Finalmente, coa posible poboación afectada deberíase ter unha comunicación fluída e dalgún xeito arbitrar medidas para a súa participación no proceso de xestión. En Galicia non se pode dicir que non se coñecesen estes riscos que xeran os lumes e o clima, pois nun capítulo dun libro recente, Os incendios forestais en Galicia (Consello da Cultura Galega, 2006), dicíase textualmente: «En Galicia, nos últimos anos (O Faro, en 1998, Muros, 2000, Quiroga, 2003 e Carnota, 2005) déronse episodios torrenciais, con graves danos sobre as economías locais, que tiveron nos incendios forestais sufridos nos veráns unha importante causa coadxuvante. En todos eles déronse como características fundamentais as seguintes: chuvias intensas no outono ou no inverno, unha cunca con pendentes fortes, incendio forestal importante polo verán que afectou a máis do 20% da superficie da cunca, falla de limpeza no monte, no que se amoreaban abundantes restos vexetais que atoraban as canles...». A todo o cal habería que engadir, polo que se aprendeu neste outubro, a urbanización desmedida e irresponsable nas saídas das cuncas fluviais. Semella que o coñecemento do risco xa o tiñamos, pero o que tamén semella é que aínda estabamos moi lonxe de aprender a xestionalo doadamente.