CHAMA a atención o silencio dos medios, de aquí e aínda de fóra, sobre algo novo que sucede en Iraq, como a creación do Mando Político Unificado da Resistencia Iraquí (MPURI), que se propón a unificación da resistencia contra os invasores, algo moi semellante ao que Ho Chi Minh fixera coa resistencia vietnamita. Non estraña que o propio Bush, por primeira vez, admitise hai poucos días que a situación en Iraq se asemellaba á de Vietnam. Unir ás diferentes faccións daquel país podería semellar imposible hai un ano ou dous; pero hoxe xa se ve que é un logro que só puido acadar a torpeza política americana. Se, como parece, se unifica a base social, política e militar contra os invasores, a saída destes vai ser un feito máis rápido do que se agardaba. Os contactos dos ocupantes coa resistencia e con países veciños, por máis que se neguen, son un feito coñecido. Xa ninguén cre, hoxe, que Bush estea seguro de que, por ter liña directa con Deus -como tantas veces dixo- gañe esta guerra, hai xa moito tempo perdida.