Pina Baush: arte subversiva

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O BALLET-TEATRO Wupertal actuou en Madrid no Festival de Outono con éxito clamoroso. Pina Bausch, a directora, non saíu a saudar ata que os bailaríns recibiron durante varios minutos os aplausos do público posto en pé. Hai oito anos, na súa anterior actuación, unha parte do público pateou, e Pina Bausch saíu dende o primeiro momento a recibir xunto co seu elenco aplausos e pateos. Nos dous casos mantivo o mesmo sorriso tranquilo no seu fermoso rostro. É evidente que ten asumido que cando se cultiva unha arte coa liberdade e novidade con que ela o fai, a controversia é inevitable e mesmo os ataques, que en Alemaña chegaron á agresión física. Pina Bausch, que foi unha boa bailarina, é unha coreógrafa excepcional. Na súa danza explora as posibilidades de todos os membros do corpo, de todas as posturas, de todos os xestos da vida cotiá. Na actual coreografía, Nefés , inspirada na súa estancia en Turquía, o cabelo feminino é un elemento fundamental. O seu dominio da expresión corporal é tan evidente, consegue momentos de tanta beleza, que ninguén o cuestiona. O que irrita a moita xente é a ruptura de esquemas do ballet clásico. Pero Pina Bausch, ao contrario de Calixto Bieito, non é provocadora, nin efectista. Acaba sempre as súas danzas anticlimaticamente, en silencio, en quietude. Non busca o aplauso, non fai concesións. E non explica o que está a facer, deixa que a súa obra se explique soa. A min sorpréndeme que nin a crítica nin o programa falen do evidente feminismo de Nefés : mulleres que se arrastran a catro patas polo escenario e a quen os homes lles agariman a cabeza, como a cadeliñas; mulleres que se entregan ao acto amoroso coa mesma canseira coa que fregan a louza; mulleres en actitude de escravas que levan o rostro cuberto polos cabelos, que os homes separan para bicalas e cubrilas despois de novo coma se dun veo se tratase... Sen necesidade de prédicas, Pina Bausch cultiva na forma e nos contidos unha arte subversiva.