A DEMOCRACIA, aseguraba Borges, é un abuso da estatística. Pero tamén é conveniente non abusar de máis. Por exemplo: acaba de facer Francisco Vázquez unha afirmación aritmética sorprendente nun embaixador vaticano. Aínda que no seu descargo hai que recoñecer que non é o único. De feito, o que comentou estes días é unha idea tan estendida que xa se converteu nunha verdade indiscutible, o que poderiamos chamar «unha verdade de barra de café». É esta: os partidos nacionalistas están sobrerrepresentados no Parlamento español e teñen máis poder do que lles correspondería, grazas á Lei Electoral. ¿Certo? Pois non, falso. E parece mentira que descoñezamos a estas alturas a Lei Electoral e as matemáticas elementais. Abonda con botar unha ollada aos datos para comprobalo. CiU, cun 3,28% dos votos, ten un 2,86% de escanos (é dicir, menos dos que lle corresponden); ERC ten un 2,56% de votos, pero só un 2,29% de escanos; e o Bloque, pola súa parte, traduce o seu 0,82% dos votos tan só nun 0,57% de escanos. Tamén están infrarrepresentadas a Chunta Aragonesista, Coalición Canaria e o Partido Andalucista. Os únicos partidos nacionalistas sobrerrepresentados son Nafarroa Bai e o PNV, se ben de maneira moi lixeira. E agora: sorpresa, sorpresa. ¿Quen está sobrerrepresentado, e moito?... Adiviñen. PSOE, cun 43,27% de votos, ten un 46,86% de escanos; PP, cun 38,31%, goza dun rutilante 42,28%. Son, pois, os dous principais partidos estatais os que están desproporcionadamente sobrerrepresentados no Parlamento, grazas á Lei Electoral¿ A explicación é sinxela. O distrito electoral é a provincia, onde, na maior parte dos casos, tan só se compite por tres escanos. A Lei D'Hont fai que, polo xeral, o partido máis votado leve dous, e o segundo clasificado, o outro. Izquierda Unida ten un millón de votos, pero repartidos en moitas circunscricións, por iso sae prexudicada. Así que Vázquez leva razón: a Lei Electoral é inxusta. Pero polos motivos contrarios aos que pensa. En canto á súa proposta de facer máis proporcional a representación, adiante. Pero eu aconséllolle xentilmente que antes faga números, porque non sei como o tomarán no seu partido cando vexan que, nese caso, perderían 13 escanos de golpe. Claro que lles quedaría o consolo de que o PP tería que ceder 14; mentres que, iso si, subiría a representación de ERC, CiU, BNG, etcétera. Como se di alí en Roma, Libenter homines et id quod volunt, credunt .