CADA VEZ que unha muller de idade, famosa ou coñecida, xúntase ou casa cun home notoriamente máis novo, desátase no público un afán inquisitorial polo pasado do mozo. Trátase de pescudar qué retortas razóns o levan a ese feito inusual e polo visto abominable que é xuntarse cunha muller vella. Pola contra, cando un vello famoso casa ou xúntase cunha moza, que por idade pode ser a súa filla ou a súa neta, a repercusión é outra. A xente, en xeral, comprende que a fama, o talento, os cartos, o prestixio e ata os restos da beleza pasada do varón son motivos máis que sobrados para que unha rapaza fique namorada do afortunado vello. A frecuencia desta unión contribúe a darlle aparencia de normalidade, fronte aos raros casos de muller maior e home novo. Analizando estes feitos pódense sacar varias conclusións: a máis evidente é a da desigualdade social de homes e mulleres, que agroma tan pronto raspamos un pouco a superficie do politicamente correcto . Neste asunto concreto, a sociedade admite e ata gaba neles o que critica nelas: conseguir unha parella máis nova. (Disto xa se queixaba dona Emilia Pardo Bazán). A desigualdade maniféstase tamén no feito de que o máis estimable nos homes parece ser a posición social (chámese cartos, fama ou prestixio), mentres que na muller a beleza e a xuventude seguen a ser o único que se estima. Cando estas desaparecen, a muller pasa a ser un suxeito carente de atractivo. Suponse que só o interese económico pode levar a un home a xuntarse con ela. A relación da actriz italiana e do empresario catalán que deu orixe a estes comentarios pode ser produto do amor ou de sentimentos menos altruístas, como sucede en calquera outra. Pero o seguro é que o tratamento que se lle está dando á noticia é diferente ao doutras parellas nas que escritores, pintores, músicos, arquitectos, actores, directores de cine ou empresarios... todos eles vellos, ricos ou famosos, casaron con muller nova. Coido que iso chámase discriminación.