AS LINGUAS latinas están cheas de peculiaridades. Tal é o caso da preposición a con relación a verbos como ir , vir ou volver . Ten o mesmo uso nos romances francés e galaico-portugués pero diferente no castelán: véxanse, por exemplo, frases como aller dejeuner (ir xantar, ir a comer) ou venir dîner (vir cear, venir a cenar). Desde sempre, ao tentaren falar castelán ben, galegos, portugueses e franceses tiveron que facer o esforzo de incorporaren unha preposición innecesaria para eles nese caso. E, aínda máis, para engadir diversidade á nosa pequena babel latina, esa preposición intermedia entre dous verbos ( estaba a chorar ) implica acción continuada aquén dos montes de León e alén dos Pireneos, mentres na Meseta sempre se resolveu a frase cun xerundio ( estaba llorando )... Franceses de fala natural e portugueses en xeral son xentes soberanas con medios de comunicación, academias e centros de estudo sistematizadores da lingua. Non sofren de diglosia nin de autoodio. Ese non é o vivir dos galegos. Por iso a preposición a vai gañando terreo en Galicia, vía presión madrileña, con dous efectos: perda de identidade e confusión, pois vou a cantar non significa vou cantar senón vou cantando ; e viñeron a falar , viñeron falando . O peor é que ese a penetra no idioma dos falantes naturais, que nunca a usaran, xunto con outras formas aínda hai pouco alleas ao galego. Horrores ao xeito de «Esos van a falar do que todavía non se había falao» soan no Parlamento.