Falando, un enténdese

OPINIÓN

10 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

POIS claro: é que non hai outra maneira de entenderse que falando. Xa só faltaba que os tribunais fixeran causa coa oposición e nos negasen a nosa calidade de seres humanos, a que verdadeiramente nos distingue dos demais animais, que é a de falar. Non falar sería recuar á nosa escura orixe zoolóxica. Como quere a oposición. Produce espanto pensalo: non falar, como non falaban Hitler ou Stalin, non falar, como non falaban Mussolini ou Franco, non falar, como non falan Putin ou Kim Zong II. Ata Bush, con todo o seu inmenso poderío militar, non ten outro camiño que sentarse a falar cos países que el mesmo incluíu entre os do «eixo do mal». Falar coa ilegalizada Batasuna xa non será renderse ao terrorismo; pero tanto ten, porque o será calquera acordo ao que se chegue. Ben pensado, esta oposición que temos ten moito de sainete e bastante de esperpento. O seu obxectivo é moi claro: todo mira a imposibilitar o acordo final, pois se a el se chega haberá ZP para unha década. Calquera cousa menos iso. O país é o de menos.