OS TELÉFONOS móbiles de última xeración adoitan ter un transceptor (emisor-receptor) para se comunicaren a curta distancia con distintos dispositivos. É o sistema coñecido co nome popular de Blue Tooth (dente azul), sobrenome dun rei unificador escandinavo. Este sistema unificador de técnicas permite utilizar o micropinganillo, consistente nun micrófono e un auricular conectados a un transceptor que comunica co do teléfono móbil. O aparelliño pendúrase dun pavillón auditivo do usuario e facilítalle responder chamadas sen usar as mans. O soporte mantén o auricular unido á orella mais afastado dela e, xa que logo, da entrada á canle auditiva. Ao ficar libre esa entrada, o usuario pode percibir sons ambientais por ambos os seus oídos mentres escoita por un só deles o que lle falan ao teléfono. Cando remata a conversa, o sistema fica preparado para unha nova recepción, sen intervención manual. Os técnicos na materia están a debullar o que poida impedir o uso deste mans libres mentres se conduce un vehículo; ou cal sexa a diferenza entre este uso e o do sistema integrado no circuíto de audio do vehículo, pois en ningún caso hai bloqueo auditivo durante a condución. E veñen concluír que, unha vez máis, a técnica superou os coñecementos de lexisladores e administradores. Ben está que non se permitan aparellos a taponaren as canles auditivas, mais ¿por que prohibir os utilísimos pinganillos de Blue Tooth? Boa pregunta para o señor Pere Navarro.