XA ESTAMOS chantados no novo ano. Alá van o día un, e Reis, e xa avanza o primeiro mes... ¡Buf! ¡Déixao ir, coa costa de xaneiro! Hai que apertarse o cinto, pero para iso están as rebaixas. Realmente, non sei se son para axudar a subir a costa, ou para poñelo máis difícil. Tomo café coas amigas de miña irmá, que programan a viaxe colectiva ás rebaixas, acompañadas dos propósitos para o novo ano. Mercarán unha chea de roupa e complementos para «ir monísimas» tódolos días, aínda que dubidan entre adelgazar (literalmente eliminar as lorzas) ou tonificar o corpo. Rinse delas mesmas, e tan só anotan nunha servilleta da cafetería os propósitos que saben que poden cumprir. A revolver, a revolver, exclaman entre gargalladas. Din que non van ás rebaixas de Harrods, inauguradas este ano por Eva Longoria, porque as que viaxan ata alí son precisamente as que non as necesitan. ¡Como se elas si! Tamén piden polos seus estudos e traballos, e sacos de paciencia. Xa falan en serio. Fan contas cos cartos que lles deixaron os Reis Magos e os que foron xuntando durante o finado ano. ¡Xa cumpriu cinco anos o euro! ¡Como pasa o tempo! Dende o seu nacemento a cesta da compra subiu un 31%. Os salarios medran seis veces menos que o custe de vida; as patacas valen o triplo e o pan un 60% máis. Din que así van facer dieta de verdade, e pasarse ao arroz en branco, que foi o único alimento (xunto co sal) que diminuíu o seu prezo. Mágoa que estean un pouco enfadadas cos chineses por queimar os zapatos españois alegando falta de calidade... As galletas, o azucre e o leite case se mantiveron, pero non lles favorece. Mellor seguir pensando nos trapiños que buscarán nas rebaixas, e logo xa se preocuparán do menú, que para confeccionalo teñen todo o ano. ¡É que, isto das rebaixas, non hai cartos que o pague!