ETA asume a autoría da bomba e anuncia que continúa co alto o fogo (permanente). E di continúa . ¿Como é iso? Volvo ler as novas sobre o tema con declaracións de Zapatero, de Rajoy, de Fernández de la Vega, de Blanco... Tamén as peticións de Otegi dirixidas á banda de que «manteña intactos os obxectivos explicitados no seu comunicado do 22 de marzo». De todas son quen de sacar conclusións, dunha ou doutra índole. Con coincidencias e discrepancias pola miña parte, que están dentro da normalidade, digo eu. Pero iso de que continúa co alto o fogo logo de pregoar ser a autora de semellante fazaña, non cadra, sinxelamente porque é un contrasentido. ¿Que será? Será... unha nova modalidade da súa ironía, da súa flegma ETAica (fóra de toda ética) ou a última tomadura de pelo a tódolos habitantes do pobo español, sen diferenza de idade, sexo ou condición. Si si si si si -diría Luis del Olmo co seu comodín-. Non sei por onde tirar. ¿E logo a descuberta da preparación de novos atentados con bombas lapa dirixidos ao parecer contra xornalistas, ertzainas, xuíces, edís en novos zulos? Non son bromas (pesadísimas incluso para os que teñen o sentido do humor inmenso) para manter en máxima alerta os corpos e as forzas de seguridade, a escoltas privadas e policiais para que «non baixen a garda, extremen as medidas de protección e cumpran escrupulosamente o protocolo de seguridade» ¡Conque bromas, eh! Dixeron fontes do propio partido socialista que o atentado da T4 deixou a Zapatero como noqueado. A tradución literal da palabra, de orixe inglesa, é «fóra de combate». O termo é axeitado. Pero isto non pode ser. Agora máis ca nunca é preciso que Goberno e oposición se cingan, sen prezo político, nun diálogo continuo para argallar un combate sen fin a prol da paz permanente que España merece.