TIÑAMOS unha oportunidade e perdémola. Anxo Quintana ten razón cando di que o contexto español, coas posicións encirradas que se manifestan en Madrid, condiciona o proceso galego. Pero podemos esperar. Debemos facelo. Sen renunciar a nada. Non nos queda outro remedio. Mellor iso ca un cerre en falso, frustrante ou mentireiro. Escoitando as declaracións dos tres líderes políticos (e lendo entre liñas) non é difícil construír o proceso: Núñez Feijoo non se sente con forzas, diante de dirección estatal do seu partido, para manter unha posición propia, autónoma, que é o que Galicia realmente demanda nestes momentos. Curiosamente, moitos pensamos que se Fraga estivese na presidencia da Xunta, ou á fronte do PP de Galicia, se cadra a cousa podería rodar doutra maneira. Velaí o caso de Arenas en Andalucía. Pero Fraga xoga xa outro partido, se é que xoga algún. Pasoulle o tempo. E moito nos tememos que Núñez Feijoo estea a perder a oportunidade, mesmo diante da súa propia xente, de reafirmarse no liderado da dereita no seu propio país (no caso de que desexe apostar por ese liderado e non se limite a querer facer carreira en Génova). Son moitos os varóns do PP en Galicia que en privado manifestan sen disimulo que o acordo era posible, que debía ser posible, máxime se temos en conta as cesións obxectivas que para chegar a un pacto fixeron tanto o BNG coma o PSdG-PSOE. A fórmula que presentou o presidente Touriño, apelando aos símbolos de Galicia (que están proclamados e recoñecidos no noso himno nacional) era perfectamente asumible. O prezo que o líder do PP de Galicia teña que pagar pola súa posición, obediente ás directrices radicalizadas da cúpula que hoxe goberna o PP en España, será algo que no seu momento determinarán os electores. Xestionar este fracaso (pois de fracaso se trata) parece agora o máis prioritario para as tres organizacións, que han saber explicárllelo aos galegos, e non cerrar as portas do futuro, repito. Diciámolo a semana pasada noutro artigo: non por correr máis se chega antes, nin se chega mellor. Toca, pois, esperar. ¿Que perdemos neste primeiro envite? De primeiras, a oportunidade (e a necesidade) de non ficar fóra dun proceso que está aberto: a reconfiguración do marco estatal e o recoñecemento das identidades e dos dereitos das comunidades que o configuran. «Galegos de nación, españois por historia e europeos por cultura», escribiu nunha ocasión Ramón Piñeiro. Se polo PP fose, tampouco teriamos «nacionalidade histórica». Se pola dereita tradicional fose, esa dereita rancia que desgraciadamente encarna nestes momentos a cúpula do PP en Madrid, nin Constitución do 78 habería. Foi posible aquel acordo, non o esquezamos, porque a iniciativa (e a maiorías parlamentaria) estaba daquela nas mans da extinta UCD (o centrismo reformista) e dunha esquerda (o PSOE e o PCE) que dende a oposición forzaba a máquina para poñerse ao día, ademais da intelixencia política dos nacionalistas (vascos e cataláns). ¿Maduramos? Algúns si. Desgraciadamente, non todos.