UN DOS TÓPICOS desta hora é o que importa á xente ou non: a vivenda, o emprego ou o terrorismo importan ao común dos cidadáns; nada importan o Estatuto, nin o noso encaixe no Estado, nin saber se podemos dispoñer de nós mesmos ou se imos seguir xunguidos á vixiante tutela central e centralista. Á xente común interésalle moito máis a crise do Real Madrid, as recentes portadas dunha revista frívola ou as próximas vacacións. E non lle interesa nin pouco nin moito o ruído das nosas cidades, nin calquera outra forma de civismo, pois somos un país ben incivil, e preferimos o sainete á educación. Unha cousa é a política de sainete, na que estamos moi impostos, e outra a política de longo alcance, da que sabemos pouco porque non se exercita, a que consiste en crear ilusións reais, en comprometer ás novas xeracións nun proxecto, en procurar a mellora da sociedade, en espertar a creatividade do ser humano. Ou sexa, política de verdade. Facer esa política si que importa ao país. Outra cousa é que haxa alguén que a poida facer.