Robin Hood

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

24 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

IMPORTA o bailaor que atropelou, matou, escapou e mentiu (Farruquito). El ten voz. É portada de informativos e acada minutos de televisión ou páxinas do revisteo patrio. Importa o que non importa. Digo eu que, por variar, habería que darlle voz ás vítimas. Que falasen non os delincuentes, senón os afectados pola delincuencia: anónimos, maioritariamente. Que non saísen tanto nos noticiarios os muñoces marbellís, nin os alcaldes corruptos, nin os corruptos que colocan a alcaldes corruptos á fronte dos concellos que urbanizan. É preciso darlle voz aos que non teñen voz. A pesar da imposición das famas e famosos, esa impostura, habería que colocar no centro da actualidade aos que están sempre no centro de ningunha parte. Teño dito en moitas ocasións que o famoseo é unha das catástrofes da España contemporánea. Pero hai máis. Unha delas é a que leva a colocar en prime time aos delincuentes. Os delincuentes merecen o silencio, simplemente. Deben ter menos voz que as súas vítimas. É un labor urxente das Administracións arrebatar a dor aos que sofren a dor. Entregar xustiza aos que pagaron coa pel, ou coa morte, a inxustiza. Cando o bailaor que atropelou, matou, escapou e mentiu ocupa o centro da actualidade, algo sucede. Algo vai mal en España cañí. Pido, pois, a palabra para aqueles a quen lles roubaron a palabra. E pido tal porque coñezo o lado escuro. O lado tétrico da realidade. Só quen non transitou o inferno outorga valor ao inferno. O inferno está plagado de canallas. Non pensen vostedes que detrás dun verme está sempre unha bolboreta. E que os sapos con bicos son príncipes. Non pensen que os malos son suaves como Platero. Podo certificar que xa non hai quen roube ao sheriff para repartir entre os pobres. A utopía descansa en paz. Como Robin Hood.