Abbé Pierre, a esperanza dos excluídos

| VICTORINO PÉREZ PRIETO |

OPINIÓN

26 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

MORREU o abbé Pierre, o frade capuchino francés que abandonou a riqueza para dedicarse ao coidado dos sen teito, fundando a coñecida asociación Trapeiros de Emaús, comunidades que axudan á inserción dos máis desfavorecidos en máis de 40 países. A súa constancia no servizo dos máis pobres valeulle o cariño e a admiración de toda Francia, desde a xente máis sinxela ata a das alturas políticas. O presidente Chirac lamentou a súa morte dicindo que «toda Francia está doída, pois perdeu unha conciencia, unha encarnación da bondade». E a candidata socialista a sucedelo, Ségoléne Royal, falou do seu «longo berro de ira contra a pobreza». Este discípulo de san Francisco foi un incansable loitador da causa da xustiza. A súa sempiterna indumentaria negra, boina incluída, contribuíu a convertelo en icona nacional. Fundara a primeira comunidade de Emaús en 1949, despois de ter colaborado coa resistencia francesa e ser perseguido pola Gestapo por ocultar xudeus. No frío inverno de 1954 lanzou un famoso chamamento desde a radio en favor das persoas sen fogar: «¡Amigos, socorro! Unha muller acaba de morrer de frío esta noite na beirarrúa». O seu lema foi sempre «dar de comer antes que evanxelizar»; e dicía que a verdadeira vida non comezaba alén da morte, senón nesta vida, nas opcións que facemos. Autor de numerosos libros, o penúltimo Mon Dieu... pourquoi? (2005), causou un farisaico escándalo, por cuestionar algunhas posturas da Igrexa sobre o celibato e o matrimonio dos curas, o dereito da ordenación sacerdotal das mulleres, os dereitos dos homosexuais, o uso do preservativo¿ e recoñecer que tivera relacións sexuais esporádicas. Non é de estrañar que algún titular francés fora: Un francotirador que molestaba á Igrexa . Con ocasión da súa morte, algúns sentiron estas declaracións porque serían un «impedimento» para ser declarado santo, a pesar de morrer en olor de santidade; esquecen que todos os santos sempre se recoñeceron tamén pecadores. Outro loitador contra a exclusión, o bispo Jacques Gaillot, que celebrou con el a súa derradeira misa, dixo que era imposible ocultar a súa verdade máis fonda: o seu amor evanxélico polos excluídos.