Celebracións

OPINIÓN

04 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

¿A QUE atender? Televisión, radio, prensa, Internet... Falta tempo para toda a información que nos chega. Na Idade Media, o verso e o canto eran o único medio de difusión de acontecementos. Así nace o Cantar de Mío Cid, que conta a historia deste personaxe histórico, converténdose na primeira obra mestra da poesía hispana. A copia que se conserva data de maio de 1307, feita por Per Abad. Este ano celébrase en España o seu octavo centenario. O 2007 ten nome de axente secreto, por iso despois das pescudas, descubriuse que non será esta a única conmemoración. Bruxelas celebra o Ano Hergé. ¿Razón? Pasou un século do nacemento de Georges Rémi (Hergé), delineante de enxeñería, debuxante e ilustrador, que creou a Tintín, personaxe de cómic (famoso polo topete) que lle deu proxección internacional. Ademais, en febreiro comeza en China o Ano de España. Miguel Zugaza, director do Museo do Prado, anda de visita por aquel país co obxectivo de ver se algunhas das obras do museo madrileño poden amosarse en Pequín. Os tres homenaxeados son ben diferentes: unha obra poética que mantén a historia na memoria da xente ao longo dos séculos; un personaxe de cómic que nos entretivo coas súas aventuras; e un país, España, que os chineses saben de moitas razóns para elixilo. Nun principio pensei que o titular estaba errado, e que a celebración sería o Ano de China en España. Bazares, almacéns e restaurantes dan boa conta; agroman nas rúas coma por arte de maxia. Outra causa son as adopcións, que posiblemente vaian en aumento, porque segundo a axencia estatal de noticias Xinhua, no ano 2020 China terá 300 millóns máis de homes ca de mulleres. O problema demográfico podería trasladalos a España. A desgraza vai ser cando vexamos substituída a típica paella de marisco polo arroz tres delicias .