ALGO VAI mal cando unha pena de doce anos, prevista para homicidios ou para violacións, se impón a alguén que escribiu nun xornal uns textos pouco afortunados. Nin aos que asaltan bancos se lles impón esas penas. E non merecen tanto celo punitivo moitos dos que rouban, furtan ou estafan. Algo vai mal cando alguén, por falar en procura da erradicación do terrorismo, pode verse envolto nun procedemento xudicial. E moito peor se ese alguén ten a obriga, polo seu cargo, de procurar a paz. Dende Atenas aos nosos días, falar foi a esencia, a améndoa, da democracia. Se non se fala, non hai democracia. E algo vai mal se perdesen o tempero os que, por profesión e por exemplaridade, non deben perdelo, nin por unha manifestación nin por unha crítica, os dous dereitos ben democráticos. Cómpre que todos teñamos serenidade de xuízo, xusto para empregalo na espiñenta procura da paz social. Esa paz que, por uns ou por outros, parece hoxe imposible, unha ilusión neboenta, unha realidade máis afastada cada día deste noso mundo.