XOSÉ CARLOS CANEIRO
26 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.«YA LO he hecho, ya está, la he dejado ardiendo». Son as últimas palabras dun machote. Pronunciounas despois de queimar á súa muller, en Badalona. La he dejado ardiendo. É unha desas frases que conxelan, como un iglú, a alma. A estas alturas un pregúntase qué sentido ten todo isto: as leis contra a violencia doméstica (ou como queira o académico Pérez-Reverte que a chamemos), as medidas de prevención, a malaeducación na que crecemos. Cando un machote pronuncia a frase que anotei arriba, todos os estamentos do sistema democrático español caen, derrúbanse: cerrado por derribo. Dirán, algúns, que a culpa a teñen os medios de comunicación. Que isto sempre pasou e que antes non se sabía. Que hai cousas que non teñen solución. Eu quero gritar non. E golpeo o corazón de todos os que permiten que isto suceda. Dos que poñen na rúa aos que maltratan. Das que volven cos maltratadores. Dos que saben e non denuncian. Golpeo o corazón mentres as últimas noticias confirman que caeu a terceira en Galicia, O Porriño, boliviana. O machote tiña 23 anos. Golpeo o corazón das que non se atreven a denunciar e das forzas de seguridade que non as protexen (e, sen embargo, van protexer as rutas do opio e da enerxía estadounidense: afganistanamente, gústame o neoloxismo). La he dejado ardiendo. En breve, tras a condena, o de Badalona e o do Porriño estarán na rúa. E volverán agredir: porque entre os tipos que nunca cambian están os machotes. Reincidirán sempre: é unha cuestión pseudoxenética. Lévase no sangue este tipo de violencia. A violencia dos covardes. La he dejado ardiendo. A min só me queda arder tamén mentres escribo esta columna malferida. E, chulo, grito que espero a eses tipos na esquina. Para queimarme con eles. La he dejado ardiendo, la estrangulé. Canallas.