Pena e crueldade

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

05 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

QUIXERA saber que principios teñen os que onte se levaron a maior alegría da súa vida pola condena a 12 anos imposta a De Juana e hoxe bradan pola aplicación atenuada da pena, conforme á lei, e que terían preferido o espectáculo da súa morte. Porque ese espírito non está no sermón da montaña. Quixera saber que principios son os dos que, sabendo que fabricamos e exportamos instrumentos de tortura prohibidos pola lexislación europea, non vociferan no Parlamento, e tamén fóra del, contra ese comercio indecente e si o fan pedindo cadea eterna para os terroristas e trato humillante e cruel para eles. Quixera saber se é certo que moita xente votaría hoxe a prol da pena de morte -ao menos para os casos de terrorismo-, segundo leo nalgures. Quixera sabelo porque sospeito que os que o xoves berraban diante do Ministerio do Interior contra o beneficio penitenciario concedido, son dos mesmos que enchían a praza de Oriente cando Franco firmaba penas de morte. Quixera sabelo porque hai cousas que non me cadran...