Empresarios

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

RECOÑEZO que a miña xeración foi educada con moitas prevencións, medos e desconfianzas respecto da clase empresarial. A aventura do empresariado (privado, naturalmente) era considerada ou estraña ou de alto risco na cultura laboral da miña infancia, sempre apegada ao seguriño, ás formas da sociedade tradicional, obsesionada por gañar unhas oposicións a algún posto de funcionario público. «O pan do Estado é escaso», proclamaba un vello mestre daquela, «pero dunha brancura infinita». E alá iamos todos: a opositar. As saídas profesionais máis comúns entre a nosa poboación, cando menos ata os anos cincuenta e sesenta do pasado século, eran os labores agrarios (labregos), o seminario (os que non acababan curas sempre podían facer Maxisterio ou, con máis fortuna, algunha carreira de letras na universidade) e o exército, especialmente a garda civil (aínda hoxe a compoñente galega no exército profesional e na benemérita é moi elevada). Tamén estaban os camiños da emigración, por suposto, para buscar vida polo mundo adiante. O empresario (a iniciativa emprendedora, fundamentada na cultura do risco e na libre competencia, na procura do éxito e o lexítimo beneficio) producía na xente unha elevadísima dose de inseguridade e, xa que logo, de desconfianza. Teño diante un magnífico traballo, coordinado polo historiador Xoán Carmona e editado pola Fundación Caixa Galicia, que recomendo afervoadamente: dúas ducias de biografías de empresarios galegos, dende Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1809) a Gómez Franqueira (1917-1988), dende Manuel de la Riba Moreno (1780-1831) ou Enrique Peinador, o das augas de Mondariz (1847-1917), a Ricardo Bescansa Martínez (1912-1986) ou Pedro Barrié de la Maza (1888-1971). Empresarios históricos e, en certa maneira, casos prácticos para estudar nas nosas universidades, coas súas contradicións e os seus condicionantes, cos seus éxitos e, naturalmente, cos seus fracasos. En palabras de Ramón Villares: líderes da sociedade civil que «por riba de todo fixaron como obxectivo da súa vida non deixar as cousas tal coma as atoparon». A desconfianza diante deste espírito emprendedor (e transformador) vén dada polos prexuízos ideolóxicos verbo do diñeiro (prexuízos bastante hipócritas, propios da cultura católica, non así da protestante) e, no noso caso, tamén polo discurso marxista, dominante na nosa xeración universitaria, que identificaba automaticamente empresario con capitalista explotador, caricatura que en grande parte viña radicalizada pola fractura xeracional que produciu o franquismo. Mais no fondo hai un factor aínda máis profundo e estrutural: a pobreza. Un país atrasado, sempre a depender dos outros (que o espelican), produce irremediablemente unha sociedade temerosa, insegura das súas posibilidades e, por preguiza ou mansedume, desinformada. A mestura, ollada dende a modernidade, resulta letal.