¿ESTAREMOS recuando aos tempos do réxime anterior cando un ía por Europa adiante avergoñado de vir deste país? ¿Haberá moitos que poidan ir coa cabeza ben ergueita, hoxe, por terras da vella Europa despois dos estraños acontecementos que vimos padecendo dun tempo para acá? Noutros países de certo nivel cultural non poderán comprender que o Senado, ou o Parlamento, se volvan un galiñeiro con insultos ao presidente do Goberno, que se queira facer na rúa a política que non se sabe facer alí, que se procure o desprestixio da democracia, que un ex presidente, facendo de Charlot sen graza, se faga solidario con todo iso... Preguntan algúns se teremos perdido o xuízo. E hai boas razóns para preguntalo. Pero outros sabemos que unha cousa é o país e outra quen nos representa. Non consta, por agora, que o país estea a tan baixo nivel como os seus representantes. De todos os xeitos, non nos fagamos ilusións: a degradación moral, intelectual e cultural é un signo destes tempos. E tamén o promovela, encirrala e aproveitarse dela.