UN observador casual non entendería o que pasou o 10-M. No véspera do aniversario do 11-M, e mentres se celebra o xuízo contra os autores daquel atentado, o máis grave na historia de España, centos de miles de persoas botábanse á rúa. Pero non era para lembrar aqueles mortos nin para pedir xustiza nos seus matadores. Manifestábanse (con todo o seu dereito) para que un tipo en concreto ao que lle quedan por cumprir uns meses dunha sentencia por ameazas, os pase nun hospital de Madrid e non noutro de San Sebastián. E este asunto, que só ten a importancia que un teime en darlle, é o que axita as conciencias e o poliuretano das bandeiras, e enche os xornais con artigos de opinión... De Juana, nada menos: o desequilibrado que foi paseando o seu afán de protagonismo pola extrema dereita, pola policía, polo terrorismo de extrema esquerda e pola cadea; o individuo a quen ETA describe como agresivo (¡ETA!) e ególatra... Debe de estar encantado. Que me perdoen, pero os que foron á manifestación quizais fixeron a ese exhibicionista moito máis feliz que Rubalcaba. Mentres, a vista polo 11-M prosegue sen que se lle preste maior atención. Desacreditada a tese conspirativa, o xuízo xa non ten graza, porque parece que o verdadeiro horror non interesa. Para colmo de absurdos, aí están os dous acusadores particulares que representan ás vítimas dun terrorismo (os da AVT), case intentando librar da cadea aos acusados de practicar outro terrorismo distinto, tan só para salvar o prestixio dun ex presidente ao que admiraban. Non pensan que, de logralo, poderían deixar soltos a asasinos iguais (non direi peores) que De Juana (non sucederá, as probas son abrumadoras). E ao mesmo tempo, aparece o último vídeo da produtora de Bin Laden. Insinúa que están pensado en se reconquistar Andalucía; pero aquí o que preocupa de verdade é que Navarra se integre na autonomía vasca, ao mellor, dalgunha maneira, algún día, nun futuro indeterminado, quen sabe... Escribiu o psicólogo Steven Pinker que o ser humano está mal programado pola evolución. Temos fobia ás arañas, ás serpes e outros perigos que nos ameazaban nos albores da humanidade. En realidade, dicía Pinker, deberiamos ter fobia a conducir borrachos ou ás armas, que son os verdadeiros perigos de hoxe. Efectivamente, está claro que nos custa darlle a cada ameaza o valor que lle corresponde en cada momento, e se cadra non é só culpa da evolución.