SOLEIRA

08 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

TEMOS aportado menos á filosofía que ás ciencias da natureza, que xa é dicir. E nada, ao cabo, a ningún dos principais movementos filosóficos, dende Kant aos nosos días e pasando pola fenomenoloxía, pola teoría crítica de Frankfurt, polo existencialismo, pola filosofía analítica... Un ermo absoluto e total. Pode que por iso sexamos tan proclives a chamar filósofo a un profesor da asignatura (en xeral, acostuman non ter nada que ver con ela), maiormente se contacta co público por medios que pouco teñen que ver coa filosofía e si coa propaganda, coa mercadotecnia ou cun grupo influínte que promove o consumo. Non é que se trate dun caso máis de degradación cultural, que non nos referimos a iso agora, senón máis ben dunha certa eiva colectiva que nos leva a desviacións tales como sentir nostalxias imperiais, nunca superadas por máis que os feitos o neguen. Cando nun país non hai pouso filosófico, sempre andará un pouco entangarañado. E se a mercadotecnica o substitúe, o tangaraño formará parte de nós mesmos.