HAI UNS DÍAS lía neste xornal unha entrevista a Xabier P. Docampo, excepcional escritor, orador, mestre e amigo. Dicía, a conto das recentes xornadas sobre a propiedade intelectual, que os editores fan cos escritores uns contratos excesivos, xa que neles estes ceden os dereitos. Docampo vén dicir que non vaia ser que alguén doutra galaxia queira publicar algún libro seu. Pois... non sei eu se andarán tan errados os editores. ¡Xa se están a vender parcelas na Lúa! Ollo, que son edificables. Iso si, os chineses, que sempre foron moi avanzados en todo, opuxéronse a dita venda cunha demanda na corte. Pois igual era máis legal que a de moitos outros concellos españois, lixados co contrabando urbanístico. Os galegos tamén somos pioneiros. Unha entidade bancaria merca o arquipélago de Sálvora. ¿O obxectivo? Pór en marcha un proxecto medioambiental que reúna investigación, divulgación e educación ambiental. E xa que vai de literatura... pobre de Peter Pan, se lle quixesen arrebatar en propiedade privada a illa de onde procede, a de Nunca Xamais. Non tería refuxio ao que acudir voando.