O ACTUAL presidente e conselleiro delegado da multinacional estadounidense Kodak é un galego chamado Antonio Pérez, que foi o encargado de poñer ao día a empresa, transformando as estruturas para incorporarse ás exixencias do mercado, pasando da fotografía analóxica á dixital. Cando os periodistas lle preguntaron como conseguira chegar dende o posto de executivo galego -ou sexa, en certo modo, emigrante- a presidir unha das grandes multinacionais, respondeu cunhas palabras de Paul Getty: «Para ter éxito necesítanse tres cousas: erguerse polas mañás antes que ninguén, traballar máis que calquera outro e... atopar petróleo». E cando a xente se botaba a rir, Getty engadía: «Se non cumpren os puntos un e dous, seguro que nunca atoparán petróleo». O galego Antonio Pérez asegura que cumpriu ao pé da letra as recomendacións do multimillonario americano. É o que máis madruga e o que máis traballa. Di que pon o móbil debaixo da almofada cando vai para a cama e que está sempre conectado: «Eu non empezo nin acabo. Estou sempre con isto». Figuras así deberían poñerse como modelo nas escolas, nos institutos e na Universidade, a ver se desa maneira se pode contrarrestar a nefasta influencia dos programas televisivos de éxito rápido, do tipo Operación Triunfo , ou eses outros nos que falan xentes que parecen ter como única ocupación a de contar con quen se deitan e con quen se pelexan, e cobrar por contalo. Vivimos nunha época no que o esforzo non se estima nin se respecta. No ensino todo tiña que ser lúdico, na sociedade só se admiraba o pelotazo , o diñeiro rápido sen que importase de onde viña. E así nos vemos: ignorantes e corruptos, nos últimos postos de Europa no que se refire ao ensino e con empresarios na cadea sempre que alguén tira da manta. Menos mal que de cando en vez alguén reivindica o valor do esforzo cotián, non só para triunfar, senón para facer unha obra ben feita. Alégrome de que neste caso sexa un galego quen o fai, aínda que viva en EE.?UU.