NA PASADA semana presentouse en Madrid unha Mesa del Toro, que di ter os obxectivos de dar a coñecer en Europa os valores da festa e esixir o respecto que merece «la que es la principal seña de identidad de España». Supoño que seremos moitos, maioría absoluta, os que non temos nin queremos ter esa identidade. Pablo Iglesias, no programa fundacional do PSOE, incluíra a prohibición desa festa. Está claro que non tivo éxito. E pode que tampouco o teña agora a Eurocámara, na que se vai votar esa prohibición, se se conseguen os votos necesarios, tan agardada como lóxica nunha Europa culta e civilizada, caso de que non deixara xa de selo. Anuncian tamén a constitución da Asociación de Parlamentarios Taurinos, supoño que para a mellor defensa daqueles obxectivos. Iniciativas todas elas que nos van deixar mal parados en Europa -seguiremos parecendo diferentes- e tamén no propio país. Por ese camiño non imos quedar moi lonxe de ser de novo a reserva espiritual de Occidente. A iso, a meternos nunha reserva, é a o que aspiran algúns.