XA SABEMOS como resolver o problema demográfico de Galicia: convocando eleccións municipais todos os anos. Se non, fíxense nestas que vai haber en maio. En poucas semanas, o censo dalgúns concellos xa medrou ata un 82%, como no caso de Vilarmaior (Coruña). É coma o milagre dos pans e dos peixes, só que o que aumenta aquí é o número de comensais. Hai quen ve isto con suspicacia, sobre todo porque eses novos galegos (que máis ben son case que todos vellos galegos) aparecen preferentemente en concellos do Partido Popular. Pero eu penso que en todo caso hai que felicitarse por este repentino aumento da gran familia da galeguidade. Outras familias reúnense para celebrar o Nadal ou, no caso dos americanos, para matar un pavo. A familia galega reúnese para votar. E como votar é un acto enxebre, compréndese que se tenda a elixir ao alcalde de toda a vida. Así se explica que aínda hai un par de anos, un de cada dez alcaldes galegos levase no cargo un cuarto de século. Certo que os demógrafos encontrarán estraño isto de que un país medre non a base de que nazan máis nenos senón de que aparezan máis vellos, pero así é Galicia: non nos saen fillos pródigos, senón avós pródigos. Ou polo menos fotocopias de carnés de identidade de avós pródigos... Porque isto é o único que a min me doe desta eclosión de novos votantes. Sería fermoso ver retornar aos emigrantes, e mesmo aos seus netos e bisnetos, a este fogar que agora nos empeñamos en chamar de Breogán, xusto cando o Breogán xa non está en Primeira. Pero temos que conformarnos coas fotocopias do DNI, recollidas amorosamente en América polos desinteresados axentes electorais dos partidos. O DNI é o equivalente electoral do ADN, un vínculo que nos une, se non na terra, polo menos no censo. E ese é o consolo que nos queda. Algún día, din os demógrafos, os galegos extinguirémonos, pero a todos nos sobrevivirá o censo (e probablemente algún que outro alcalde do franquismo). O censo é ese lugar máxico onde convivimos todos os galegos: os que están aí, os que estamos aló, e ata os que están no Alén; porque, como se sabe, en Galicia, non estar vivo nunca foi un impedimento serio para votar. Si, o censo é o verdadeiro fogar de Breogán. E non me sorprendería, de feito, que Breogán mesmo tivese dereito a voto e que a fotocopia do seu DNI acabe aparecendo en mans dalgún axente electoral.