HAI quen pensa que o caso do presidente do Banco Mundial e a súa amante ten un obxectivo moi premeditado: distraer a atención da xente dos seus crimes de guerra pola invasión de Iraq. Isto podería explicar tan ferreña postura, xunto co feito de manter vivo ese serial o maior tempo posible. O máis estraño é que, contra costumes xeralmente observados, Wolfowitz se negue a dimitir. Como bo neocon non acepta a súa culpa: bótalla aos demais. E aínda ten o valor, para mellor vestir o santo, de suxerir que vén sendo vítima dunha conspiración que ten por obxectivo afundilo. Xentes desa mentalidade hainas tamén por aquí. Son mentalidades globais. ¿Ou é tan diferente a dos que nos teñen acostumados a negar a súas responsabilidades de goberno para atribuílas a outros, ou aos outros? Os supostos están na máis viva actualidade nosa, chea de pequenos Wolfowitz, porque un da magnitude do que foi o número dous do Pentágono non é imaxinable por estes pagos. Pero si as súas mañas, aínda que a escala máis reducida.