O veto de Bush

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

06 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A NINGUÉN lle debera estrañar o veto de Bush ao acordo dos representantes do pobo de EE.?UU. na procura dun fin certo para a guerra de Iraq. É unha actitude moi coherente coas ideas que os neocons teñen do que é e do que debe ser a política, e que algúns pensan que foron aprendidas en Leo Strauss. Sexa esa a fonte ou non -Wolfowitz foi discípulo de Strauss, pero outros moitos non pasan do primitivismo de Bloom-, é claro que a democracia non lle vai a Bush nin aos do seu arredor. A teoría schmittiana do golpe de Estado permanente -poder executivo forte, lexislativo á marxe e submisión do xudicial- é o soño neocon . Pouco importa a Bush o fracaso da súa política ou que cada día haxa máis partidarios de saír de Iraq ou máis soldados mortos. O que importa é acomodar a realidade ao dogma, aos elementais esquemas dos que verdadeiramente mandan. E que, como tales, son un perigo para o país e para o mundo. Xa o veredes: imos ser vítimas, xa o somos, dun novo dogmatismo redentor. Pero do que, unha vez máis, nos teremos que redimir.