SOMOS o que soñamos. E o que imaxinamos. E o que somos capaces de crear, de producir e distribuír nos espazos simbólicos do tempo. «Estamos feitos da materia dos soños», gustaba de repetir Cunqueiro, parafraseando a Shakespeare. Na práctica, a realidade é sempre unha percepción: a que somos quen de transmitir aos demais e a que recibimos de nós mesmos (ás veces tamén a través dos outros). Ben que o saben os norteamericanos que centraron unha parte moi importante da súa estratexia económica e política no desenvolvemento das industrias da cultura: o cine, a televisión, os medios audiovisuais sobre todo, mais tamén a Rede, os parques temáticos, o merchandise internacional¿ A industria da cultura ocupa o segundo lugar no PIB dos Estados Unidos de América, despois da industria armamentística curiosamente; e nos mercados internacionais é neste sector (o da produción cultural) onde, na práctica, maior proteccionismo exerce a Administración USA, preocupada en manter o discurso simbólico cara ao exterior (e que non lle entren outros discursos na casa) e consciente, xa que logo, do valor non só político senón tamén económico que significa ir impoñendo nos mercados exteriores uns valores, uns xeitos de vida, unhas maneiras de consumo e de representación, que ao final son tamén produtos, como tales funcionan nos mercados. Detrás da Coca-Cola e dos pantalóns vaqueiros, detrás das franquicias de comida rápida e da inmensa maioría das marcas de consumo comercial, están as películas do Oeste, as comedias de Manhattan que os telefilmes rápidos dos arrabaldes de Miami ou Chicago, moitos dos cales se venden ao peso nos chambos das producións mediáticas internacionais. ¿Qué é o Camiño de Santiago, por exemplo, senón un magnífico e milenario espazo de representación simbólica (uns dirán que mítica, outros que relixiosa, en calquera caso: cultural)? ¿Canto diñeiro leva movido o Camiño dende os seus primeiros pasos da man estratéxica da Orde de Cluny no século XII ata os nosos días? ¿Qué é Galicia realmente, no imaxinario colectivo do comercio, a política e a cultura, senón un ente de significación simbólica, unha representación na que nos recoñecemos e compartimos? En Pontevedra reúnense estes días as industrias da cultura galega (Cultur.Gal) para amosar a súa produción, a ilusión de existir (ás veces tamén o milagre da propia existencia). Os últimos 25 anos, no marco político das liberdades constitucionais e a autonomía, foron especialmente frutíficos neste ámbito: o mundo do libro, o audiovisual (ficción, documentalismo, publicidade, televisión), o deseño, a música, os espazos na Rede, a plástica, o teatro¿ Trátase da primeira edición e, por tanto, unha primeira experiencia, sen dúbida mellorable, pero que ofrece a oportunidade de ver reunidas, nun grande escaparate, expresións diversas (e complementarias) dun país que está vivo, que se sente vivo, e que é quen de expresar esa vitalidade.