O 17 DE maio é o Día Mundial das Telecomunicacións, que vai sendo tamén da sociedade da información, ou do coñecemento, e debería ser da sabedoría conseguida con medios de comunicación baseados na electrónica. Como é costume, o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia concedeulle este ano unha xornada a celebrar o que lle compete. Xuntou logo tecnólogos e humanistas e abriu un debate do que fixo eco La Voz: «Galicia versus Irlanda», sobre as bases da sociedade da información. Houbo acordos e desacordos, e unha morea de comentarios. Mais algo ficou claro: sen elementos para telecomunicar, hoxe non hai sociedade perfeccionable. As infraestruturas de telecomunicación son vitais. A aposta irlandesa foi pola fibra óptica e as microondas fronte ao cemento e o asfalto. O resultado é que o ingreso medio dun irlandés é o dobre có dun galego. Pero hai máis. O asunto non remata na riqueza material, na dispoñibilidade para o gasto. A bonanza social que se basea nos sistemas de comunicar a distancia, e con eficacia, nos nosos días toca no máis íntimo do ser social, a igualdade de todos os membros da sociedade. Días atrás celebrábase en Maputo, capital de Mozambique, a conferencia anual de cooperación entre a Unión Europea e os países africanos en materia de tecnoloxías de información e comunicación. Nun país aínda a curar feridas de guerra, nun continente con desigualdades atroces, insistiuse moito nun termo que os anglosaxóns construíron ao seu xeito práctico, e-democracy : a democracia electrónica, idea que leva á aplicación da telemática para romper barreiras e borrar diferenzas. Na África preocupada polo primordial, a loita contra a fame e as doenzas, falar de democracia electrónica soa a soño para fuxir da realidade; mais na Europa ben mantida e coidada en termos de saúde física, é doado pensar en esforzos que conduzan a un paso máis cara á sociedade perfecta. Os sistemas para a democracia electrónica permiten ao usuario privado a interactividade coas estruturas do poder. Con eles adquire todo tipo de datos xerados pola Administración, que lle facilitan formar concepto sobre como está sendo gobernado. Ao tempo, facilítanlle xulgar e opinar, e facer chegar xuízos e opinións aos administradores públicos. En último termo, os sistemas identifican de xeito inequívoco ao cidadán e concédenlle o seu máximo dereito: o do voto electrónico. O grande reto social dos próximos 17 de maio está niso, na democracia electrónica que se poida exercer todos os días do ano. Pois a telemática actual ofrécenos vivirmos nun parlamento virtual e sempre aberto: a revolución pendente no século XXI.