Halloween cañí

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

18 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

COINCIDIU o San Isidro de Madrid coa campaña electoral e pasou o que tiña que pasar: os candidatos vestidos de chulapos e Esperanza Aguirre disfrazada de manola, paseándose «por la calle de Alcalá», literalmente, «olorosa a nardos», que diría Juan Ramón Jiménez. Non sei se as eleccións son un elemento democratizador, pero o que si está claro que é democratizador son as campañas electorais. Así, esta semana, en Madrid, economistas aclimatados ó aire acondicionado das salas de xuntas dos bancos (Miguel Sebastián) víanse forzados a calarse a gorra de obreiro madrileño inclinada «a lo chulo»; aristócratas do carto e o apelido (Esperanza Aguirre) teñen que lucir pañoleta, coma se fosen modistillas do 1890¿ A campaña obriga a todo candidato a finxir que pertence a esa masa que chamamos «o pobo» e que se caracteriza porque todos queremos saír dela canto antes para ter algo mellor. O político ecoloxista ten que aparcar a súa dieta de tomate biolóxico para meterse uns churros, o ateo confeso non ten outra que bicar o santo na romaría e o neoliberal márcase un chotis, de mala gana, cunha señora gorda con hipoteca gorda. É unha interesante cura de humildade, unha ordalía de ridículo, o festival gratificante de vergoña allea. É así como vexo eu a campaña electoral: como unha vinganza dos gobernados contra os gobernantes. «Mandarás durante catro anos -parece que lle din os primeiros ós segundos-, pero antes terás que darme coba unhas semanas e pasar por algunha que outra humillación». E non digo, claro está, que haxa nada de humillante no organillo, na verbena da Paloma ou nesa inmemorial, milenaria, cultura popular madrileña, baseada, estrañamente, nun concepto pouco apreciado noutros pagos (a chulería). Non, non hai nada de vergoñento no chotis nin na flor no pelo sempre e cando sexan autoinflixidos. Pero o candidato é un actor involuntario, un espontáneo que non é nada espontáneo, e todo o fai por ese único anceio de gustar custe o que custe. Logo chegan as eleccións e acaba o carnaval democrático da campaña. Uns gañan, outros perden¿ E no fondo do armario, nunha atmosfera de alcanfor, quedan a gorra de chulapo, o mantón de Manila, a peineta e o organillo, durmindo ese sono de catro anos que chamamos gobernar. Ata que volva a comezar outro Halloween cañí.