Tentacións de Sarkozy

| X.L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

03 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

EMPEZA a sentirse un proído nalgúns sectores da sociedade francesa por mor dalgunhas decisións de Sarkozy en relación cos medios. Non é cousa boa, pensan algúns, a súa estreita amizade co cumio do poder mediático, como proban os nomeamentos para a dirección de TF1, para o Elíseo e Matignon. Os sindicatos, a esquerda, oenegés, ou a antiga xuíz Eva Joly, temen unha berlusconización de Francia e póñense á espreita: falan xa dunha «nova era abafante» para a información, e chaman a «manterse vixiantes» e a «resistir as presións» para non ir parar nunha democracia ferida de morte. Unha berlusconización é algo pouco probable en Francia; tampouco é dono Nicolas Sarkozy dos principais medios franceses, como é Silvio Berlusconi dos italianos. Pero a voz de alarma está dada: como probado neocon que é, o presidente da república francesa xa se ve que non dubida en actuar como tal. Por iso fan ben as forzas sociais do país veciño en estar vixiantes e dispostas a non deixarlle pasar unha. Porque nesas tentacións xa se ve que está caendo o novo presidente.