Campos duradeiros

| X.L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

17 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O PENTÁGONO chama «campos duradeiros» ás bases permanentes que dende a invasión a hoxe está construíndo en Iraq. Pensa que un cambio de nome cambia a cousa. Aos fins desinformadores que procura, pode que si. Eses «campos duradeiros», dixo o autor que a seguido citamos, constitúen a nosa política en Iraq. Hai hoxe autores -Tom Engelhardt, entre outros- que teñen moi fundadas razóns para crer que en Iraq, e dende o primeiro día, o invasor proxectou unha ocupación permanente do país semellante á de Corea. A eses fins estaría construíndo tres ou catro grandes bases, como fixera nesa península oriental. Como en moitos outros casos, empezouse inventando un Goberno amigo que, logo, «convida» ao invasor a quedarse o tempo que lle pareza. A forte e crecente resistencia está impedíndoo, por agora. E moitos coidan, penso que con boas razóns, que Iraq non é Corea -abonda con reparar no moi desparello decorrer dun e doutro conflito- e que, por iso, no Pentágono seguen sen comprender unha vez máis as teimosas leccións da Historia.