ESTE ANO, en Trasalba, temos unha cita co mundo, «mar por medio», que din os vellos paisanos do Cantábrico, onde John Rutherford, en colaboración cos seus amigos de Ribadeo, iniciou en 1991 e ata o 2004 os encontros anuais de lingua e cultura galegas, cunha ollada dentro e outra ollada fóra de Galicia, que levaban tamén este nome: Mar por medio . Así titulamos o libro homenaxe que a Fundación Otero Pedrayo vén de editar para agasallar ao escritor e profesor británico. ¿Británico? Un dos seus colaboradores e amigo, en parte tamén discípulo, Gabriel Rei-Doval, animador da Asociación Internacional de Estudos Galegos que Rutherford axudou a fundar en 1985 (xunto co sempre recordado Xan González Millán), titula a súa colaboración no libro: «Un galego que quixo ser inglés», e Dolores Vilavedra, editora destes traballos xunto con María Liñeira, fala de algo que me parece especialmente importante: cada quen é de onde elixe ser, cada quen asume o que quere ser e compartir, tamén o que quere amar. John Rutherford, que naceu hai 66 anos nunha pequena vila de Inglaterra, Saint Albans, decidiu un día que era un dos nosos, logo de casar con Tita García Méndez en Ribadeo, tamén é certo, a onde chegou por primeira vez medio de casualidade un día de 1959. Este artigo quere ser unha declaración de afecto e de agradecemento. Volvemos un ano máis aos chaos de Amoeiro, a terra de don Ramón, para entregar a XXV edición do premio Trasalba ao escritor, investigador e profesor da universidade de Oxford. Unimos o seu nome a outros que antes foron: dende Xaquín Lorenzo, o primeiro da serie, a Paz-Andrade, Antón Fraguas, Lois Tobío, Isaac Díaz Pardo, etcétera. Pero non homenaxeamos só os seus méritos, que sería dabondo. Homenaxeamos unha tradición que se cadra poucos galegos coñecen: a daqueles que, non sendo de nación de nós, dedicaron (e dedican) o seu esforzo, o seu talento, os seus recursos e o seu tempo a estudar e difundir dende fóra de Galicia a nosa identidade cultural, a nosa lingua. Foi curiosamente un inglés, embaixador daquela en Lisboa, lord Charles Stuart de Rotthensay, quen levantou en 1823 os primeiros textos do Cancioneiro da Axuda : 310 cantigas de amor, 88 follas de pergamiño en letra gótica... Mandouno copiar e fixo daquela unha reducida edición de 25 exemplares. Nesta tradición (a dos que nos aman e nos descobren dende fóra) está Rutherford, xunto cos Molteni, os Monaci, Henry H. Carter, Joseph Piel, Giuseppe Tavani, Henry R. Lang, Giulia Lanciani... sen esquecer os amigos portugueses (salientando a figura do mestre Rodríguez Lapa) e continuando cos máis novos: David Mackenzie, Derek Flitter, Kristy Hooper, Craig Patterson... Todos estarán mañá en Trasalba, en persoa ou na lembranza.