ESTE É o Ano de España en China. En chinés, España é Xibanya, unha expresión difícil de traducir: xi é oeste, ban pode ser un grupo de persoas ou un apelido, e ya significa dente. A visita dos Reis de España ao vello Imperio do Centro é a terceira de Estado dende 1978. Tradicionalmente, a óptica económica é a clave predominante nas relacións bilaterais. Nesa perspectiva, a presenza española en China está moi por debaixo das expectativas da oitava economía do mundo: a penas 450 empresas. Os investimentos son igual de reducidos (54,2 millóns de euros no 2006) e o saldo, deficitario, ascende a 12.630 millóns de euros. Esta visita debe servir para corrixir tan avultado saldo negativo e duplicar, en dous anos, a presenza empresarial española. O segundo factor de impulso das relacións hispanochinesas é o cultural e educativo. Existe interese pola aprendizaxe do español en China. En Pequín, o éxito acompaña a apertura do Instituto Cervantes, e unha nova aula podería abrirse moi pronto en Shanghai. Os intercambios académicos e universitarios van a máis, aínda que, por parte española, con dificultades burocráticas incomprensibles que deberían subsanarse. En terceiro lugar, no institucional, a fluidez é a nota dominante. A alianza estratéxica, selada por Zapatero e Hu Jintao no 2005, introduce a perspectiva do longo prazo nos vínculos entre os dous Estados, un aspecto ao que os dirixentes orientais outorgan especial atención. Agora que se aprestan a celebrar a súa olimpíada, os chineses non esquecen o apoio prestado no seu día por Samaranch, e o interese polo fútbol goza de boa saúde. ¿E nós? Obviamente, Galicia debe apoiarse nesa estratexia española para pasar das accións dispersas e individuais a unha estratexia de país, que debe tirar proveito das nosas singularidades. Ás posibilidades económicas dalgúns sectores únese o interese oficial polo coñecemento do modelo autonómico español. En China hai 55 nacionalidades minoritarias. Ningunha das cinco rexións autónomas dispón de Estatuto. O debate iniciouse e a atención do mundo académico chinés céntrase en Galicia. Por varias razóns: a nosa condición periférica, a experiencia de transformación da nosa economía, a presenza moderada do nacionalismo, etcétera. A maiores, están moi interesados no fenómeno da cooperación transfronteiriza, dado que as súas nacionalidades teñen esa particularidade e moitas veces é problemática. Con relación a China, o factor político segue a ser a chave de moitos proxectos. Que ninguén se deixe enganar pola presenza do mercado ou da propiedade privada. O Partido Comunista controla e dirixe todos os fíos do país, e a política segue sendo a cruz da reforma chinesa. Estas visitas e contactos oficiais ao máximo nivel desempeñan un papel capital. Pero ter a oportunidade de participar no debate sobre a conformación do estado autonómico chinés vai máis alá do protocolo e significa dispoñer dun activo de incalculable valor para favorecer outro tipo de relacións, especialmente de carácter económico e comercial.