CANDO eramos novos -hai disto moitos anos-, calquera disparate dos moitos que protagonizaba Ferrín, algúns moi simpáticos, era coñecido por «unha ferrinada ». Eran « ferrinadas », por exemplo, romper un farol nunha noite de troula, que logo se pagaba colectivamente, espoxarse deitado no céspede do paseo da Ferradura ou declararse católico-galeguista, un pouco á maneira de Vicente Risco. Por isto último Ramón Lugrís chamáballe Padre Peyton, o do rosario en familia. Como digo, hai disto moitos anos. Tantos que as gamberradas, ben sexan municipais ou intelectuais, non definen xa a ninguén, Ou iso pensaba eu ata ler no Faro de Vigo do día 23 deste mes de xuño no que, escribindo sobre Curros, vexo que, se ben terá deixado as gamberradas municipais, persiste teimosamente nas intelectuais. Por exemplo, escribe que «A xuízo do grupo de ensaístas de Galaxia, Curros era un poeta decimonónico e periclitado». ¿Tan mal anda de memoria? Porque eu lembro, por exemplo, que un dos números do primeiro Grial levaba o rótulo de «Presencia de Curros y Dª Emilia», con estudos de Carballo Calero, Alonso Montero e outros; lembro tamén unha biografía e escolma de Carlos Casares sobre o poeta de Celanova; lembro un moi fundado capítulo da Historia da Literatura Galega, de Carballo Calero, consagrado á figura de Curros; lembro un libro deste mesmo autor, publicado pola editorial Gredos , no que Curros é un dos sete grandes poetas galegos alí estudados. ¿Alguén dá máis? Naturalmente, isto sábeo Ferrín tan ben, ou mellor, ca min. Pero xa se ve que non lle importa faltar á verdade, mentir e manipular para que a gamberrada se consume. O que pasa é que eu non lle vexo a graza. Pero non lle abondaba cunha gamberrada, pois, entre outras, a referencia que fai ao «pavero» de Lois Soto como artífice «da confluencia entre nacionalismo e comunismo» -a imaxinación de Ferrín ás veces alporízase e chega a visións estrafalarias-, non deixa de ser un xuízo con ben pouco xuízo, pois quen se declara marxista debera saber que Marx, xa no Manifesto , sinala que «os obreiros non teñen patria» e que as «demarcacións nacionais» desaparecen de día a día e que coa chegada do proletariado máis de présa van seguir desaparecendo. (Claro que eu cito por un texto sagrado sen notas, e, ao mellor, un que teña notas di que cómpre entender o contrario. En calquera caso, recoñezo que os textos sagrados non se me dan tan ben como a Ferrín). Por outra banda, que lle digan aos países bálticos que clase de «confluencia» pode haber entre comunismo e nacionalismo, por citar só un caso que temos aí á beira. É visto que o meu amigo, e ben quixera trabucarme, vai rematar sendo tan «pavero» como Lois Soto, cousa que en verdade me doería. Porque esas gamberradas, a unha certa idade, acostuman resultar cousa de «paveros».