É A PRIMEIRA vez que teño un amigo ministro. Un amigo da mocidade, quero dicir. Un deses amigos que veñen de atrás, que nos acompañan ou acompañaron durante etapas da nosa vida e que, dun xeito ou doutro, acaban sendo coma pequenos capítulos ou epígrafes da nosa crónica sentimental. Somos nós e somos os nosos amigos, a xente que nos quere e á que queremos (incluídos os libros). Non sei moi ben o que significa isto: se é que nos imos facendo maiores ou, simplemente, que o mundo cambia, que as oportunidades existen, e que ás veces as cousas van para mellor. Coñecín a César Antonio Molina alá contra o ano 69 ou 70, cando xunto con outros compañeiros (García Palmeiro, Ramiro Fonte, Xosé María Álvarez Cáccamo) intentabamos unha revista literaria na Facultade de Filosofía e Letras, revista que nunca chegou saír, como pasa case sempre, pero que deu pé a non poucas xuntanzas cheas de soños e de ambiciosos proxectos. César estudaba Dereito. Xa daquela escribía poesía e amosaba unha disposición especial para a literatura e os libros. Tamén para os soños. Lembro unha conversación de noite, paseando os dous polas rúas vellas de Ourense, logo dunha sesión de cine club á que, por certo, asistira Carlos Velo recente chegado de México. Eramos moi novos. Falamos de Galicia: do posible compromiso da nosa xeración con Galicia. A César preocupábanlle as dúas linguas. Sentíase parte das dúas, non o podía evitar, e por aquelas datas as posicións, dende algúns sectores radicais dos mozos galeguistas (esquerdistas e nacionalistas), eran moi duras, moi intransixentes. «¿Que facemos con Valle-Inclán, e coa Pardo Bazán, e con Torrente?», recordo que me dixo. «¿E con La catedral y el niño de Blanco Amor, ou con Las orillas del Sar de Rosalía...?». Non sempre esta cuestión está resolta. Durante anos, César dirixiu o suplemento de cultura de Diario 16 . Foi unha porta aberta a escritores e artistas de Galicia, proxectados cara ao exterior. Traduciu e editou a Cunqueiro, de quen recuperou e ordenou textos magníficos. Outrosí coa obra xornalística de Torrente... Quíxeno incorporar á dirección de Alianza Editorial, pero daquela comprometérase co proxecto do Círculo de Bellas Artes, en Madrid, e alí multiplicou por cen a súa actividade. Poeta. O seu último libro, Eume , recupera as vellas palabras da tribo e volve polos pasos do corazón, aquela conversa de Ourense, nunca esgotada, nunca totalmente interrompida... Unha magnífica noticia. Poucas veces a cultura galega, que precisa de estratexias de relación exterior, contou cunha oportunidade coma esta, que deberiamos saber aproveitar, sen prexuízos e sen complexos.