Pouco taurinos

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

08 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NUNHA sondaxe do Instituto Gallup de xullo de 2002 sinálase que Galicia e Cataluña son as comunidades autónomas que manifestan ter menor interese polas corridas de touros, chegando os galegos ao 81% e os cataláns ao 79% de cidadáns aos que esa festa, ou o que sexa, non interesa. Porcentaxes as anteriores que están moi afastadas do 31% dos demais españois que din interesarse por aquela. Case un 69% destes di non ter ningún interese polas corridas de touros. Na década dos setenta os interesados andaban arredor do 55%. Non está demais ter estes datos á vista nuns tempos en que a prensa, incluída a que se ten por progresista, está mallándonos cada día con corridas, touros e toureiros e, terxiversando a realidade, tratou de nos convencer que non sei que toureiro fora un acontecemento en Barcelona, en proba de que tamén naquelas terras os touros participan do interese xeral. Ninguén pode dubidar que a campaña foi un acto máis dos moitos cos que esa prensa vén aldraxando á sociedade catalá.