NA APRENDIZAXE de idiomas, e dende a nosa propia realidade lingüística, non é o número, senón a calidade, o que debe importar. Non pode seguir sendo certa a broma europea -certa aínda que cada vez menos- de definir a un español como un europeo que pasa toda a súa vida aprendendo inglés. No coñecemento dos idiomas o teito é o mundo, e os idiomas son milleiros, todos importantes como territorios dos afectos e vías para a comunicación, pero algúns dan máis acceso que outros á comunicación planetaria. O inglés é o novo latín da ciencia e os negocios. O francés, de moitos países da francofonía. O alemán, de millóns de europeos entre o Rhin e o Dnieper. O chinés, o do principal mercado de futuro. O ruso.... Neste contexto estamos mellor situados que outros países se fuximos de disputas cativas -máis propias de pasados coloniais- sobre que lingua manda máis. Disputas que hoxe carecen de sentido e non entenden do futuro. O segundo idioma xa o temos, pero non o sabiamos. Aproveitemos a ocasión para decatármonos. O galego como portugués permítenos chegar onde non chega o castelán. Se outros tiveran esa fortuna xa terían conquistado -amistosamente, enténdase- o Brasil. ¿Como non imos nós ser capaces de ver os dous idiomas, separados histórica e politicamente, pero transparentes ata o máximo, como un instrumento de coñecemento doado e como unha panca a aproveitar? Coñecer tres idiomas propios, galego-portugués e máis castelán, é unha posibilidade que só temos os galegos, e tamén unha necesidade. Aprestémonos a mellorar os métodos de aprendizaxe e a procurar formas sinxelas -están inventadas- de coñecer dous idiomas semellantes con leves diferenzas. Fagamos do galego o portugués do Cantábrico. A realidade e a historia demostran que é posible dominar dous idiomas universais. ¿Ou non hai xa milleiros de mozos que falan e admiran o portugués sen que ninguén lle lo aprendera? ¿Ou non o empregamos todos cando imos a Portugal? ¿Ou non aprenderon os nosos emigrantes o castelán de América cando chegaban, dende 1850, analfabetos e descoñecedores do idioma de Castela? E a nosa colonia en Brasil e Portugal, ¿tiveron problemas para aprender o idioma do país de acollida? Se ademais nos propomos lograr a primeira xeración que domine perfectamente o inglés como primeiro idioma estranxeiro, ¿que máis podemos pedir? Os nosos rapaces agradeceránnolo. Hoxe, porque xa teñen horas de máis na escola. Mañá, porque lograremos unha xeración de falantes de tres linguas románicas: a propia da maioría dos falantes aínda hoxe, a propia na versión doutro Estado que foi imperio en África e América (o portugués), máis o castelán que é lingua do Estado e de millóns de falantes, máis o inglés. Estas competencias, pensando dende nós, son previas ao alemán ou o francés. Xa virán. Ao cabo, o importante son as capacidades dos países e os idiomas son os instrumentos. Dende idiomas minoritarios no mundo, como o holandés, o catalán ou o danés, pódese acceder á primeira liña da ciencia ou dos negocios co inglés, sen renunciar ao idioma propio.