A PROFECÍA que fixemos no seu día estaba ao alcance de calquera: as promesas de Sarkozy de rebaixar impostos só ían en beneficio dos que máis teñen, polo que afectarán a poucos. Pero, en euros, a rebaixa pode ser moi significativa nun momento en que as contas públicas francesas están moi degradadas. Como dixo Didier Migaud, que preside a comisión de finanzas da Asemblea, só a unha minoría van beneficiar e, ademais, é un dispositivo custoso e ineficaz. ¿E que dicir desa «unión mediterránea», que xa a prensa gala, con razón, empeza a alcumar de quimérica? Unha vez máis, un nacionalismo do máis reseso. Unha e outra cousa teñen moito de fraude: no caso dos impostos progresivos -imposto de solidariedade sobre a fortuna (ISF)-, a cousa é clara: a rebaixa só vai afectar ás grandes fortunas; e no suposto da «unión mediterránea», abonda con botar unha ollada ao mapa: países autocráticos a unha banda e democráticos a outra. Sempre pensei que os franceses terían moito máis sentido crítico. Pero hai que poñelo en dúbida.