HAI DÚAS maneiras de abordar a cuestión: ollando cara atrás e recuperando, máis ou menos actualizados, os argumentos dos iberistas históricos do século XIX, ou instalarse no futuro e contemplar esa mesma idea no horizonte do novo século, na era da globalización e, moi principalmente, no marco do proxecto político europeo. O discurso tradicional é abondo coñecido: razóns culturais, razóns de irmandade histórica (tamén de rivalidade e conflitos, como nas mellores familias), razóns estratéxicas e de fortaleza fronte a terceiros, razóns económicas.., mais acompañado todo de altas doses de desconfianza, sobre todo pola parte portuguesa, que se defendeu sempre, e con bastante razón, da política expansionista primeiro de Castela e logo do Estado español. O galeguismo histórico é esencialmente iberista (igual que é tamén europeísta), dende Pondal e Curros no XIX ata o propio Castelao, que no derradeiro capítulo de Sempre en Galiza , case que a xeito de colofón, reclamaba unha República Federal Hespañola e unha Confederación Ibérica para participar xuntos na desexada Unión Europea. Son palabras escritas a bordo do paquebote Campana en xullo-agosto de 1947. Mais o mundo mudou abondo dende entón. ¿Ten sentido este discurso nos principios do novo século? Eu penso que si. Outra cousa é a súa realización: no papel bastante máis doada e comprensible que o proxecto da UE e, non obstante, igual de complicada na práctica. ¿De que Iberia falamos? No fondo é o mesmo debate que se nos presenta cando falamos de España. O galeguismo, igual que algúns sectores do pensamento político catalán, que abordou este asunto tamén no século XIX, entendeu sempre esa confluencia, primeiro: coma un natural reencontro histórico entre as partes da antiga Hispania, irmandade de pobos e culturas que comparten unha historia común, con características certamente diferenciadas do conxunto de Europa; segundo: coma un fortalecemento democrático das identidades e das alianzas; e terceiro, derivado ou relacionado co anterior: recoñecemento de garantía da pluralidade nacional desa nova Iberia posible, que debería ser o resultado dos pobos e das realidades específicas que a integran, nunca fusión ou integración automática de dous Estados. A España das autonomías reabriu no seu día este debate na outra beira do Miño. En principio, unha España plural (plurinacional) estaría moitísimo máis capacitada para abordar esa Iberia posible. Pero esta parte dos deberes está aínda sen facer.