70 é o dobre de 50

OPINIÓN

Aínda que o número de accidentes de tráfico se vai reducindo desde hai anos, percibo estes días certo repunte en zonas rurais, polo menos na que eu vivo. Moitos ocorren en tramos con limitación de velocidade a 50 km/h, indicados co pertinente sinal, que leva ademais, uns metros antes, outro sinal de limitación a 70 km/h para que o condutor vaia reducindo. Nin que dicir ten que en moitos casos non se respectan, porque seica «ir a 70 é máis ou menos o mesmo que ir a 50». Aos que pensan isto van dedicadas estas liñas. Un coche en marcha leva unha enerxía asociada á súa velocidade; esa enerxía, chamada cinética, é a que fai o dano nunha colisión ou atropelo. O problema é que esa enerxía aumenta coa velocidade ao cadrado; é dicir: se nos estrelamos contra un muro a 100 km/h, non levamos o dobre do golpe que indo a 50 km/h, ¡levamos catro veces máis golpe! Se agora o pensan, o cadrado de 50 son 2.500 e o de 70 son 4.900, case o dobre... Prezado condutor, non é «máis ou menos o mesmo ir a 50 que a 70»: o choque a 70 km/h será o dobre de grave. Por favor, levante o pé do acelerador en zona urbana.