A tía e o sobriño

OPINIÓN

A miña tía Ramona ten 91 anos. Non entende o traballo dos seus sobriños: un químico e un físico. Lóxico. Cando ela naceu acababa de atoparse a primeira evidencia da teoría da relatividade xeral de Einstein, que aínda non gañara o Premio Nobel. Hubble aínda non descubrira que o universo vai máis aló da nosa galaxia, Baird non inventara a televisión, uns mozos como Heisenberg, Dirac e Pauli aínda non levantaran o edificio da física cuántica. Intuíase o que é átomo, pero nin idea de como fusionalo para crear enerxía. Faltaban décadas para que Bardeen, Shockley e Brattain descubrisen o transistor; nada de computadoras? de Internet e cousas desas xa nin lles conto. Fleming aínda non pensaba na penicilina, non se sabía o que era o ADN e mesmo o xene era algo difuso; non se curaban as enfermidades que se curan agora? Non se podía voar de Europa a América (o de ir á Lúa eran fantasías de Xulio Verne). Penso isto cando nace o meu primeiro sobriño. Imaxinen os descubrimentos que mencionará se, cando teña a miña idade, escribe unha columna como esta. Nestes tempos de pesimismo eu prefiro esperar o futuro coa ilusión do científico.