Nunca logrei falar a soas con Isaac

Fernando Salgado< / span> DESDE O CAIRÓN

OPINIÓN

07 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

I saac Díaz Pardo e máis eu nunca falamos a soas. Cando o intentamos, invariablemente sempre estivo presente, observándonos caladamente, seguramente cunha frangulla de desdeñosa rexouba bailándolle no recanto do ollo, a figura do poeta Lorenzo Varela. Unha vez entreaberta a porta, ou entornada a fiestra, acudían en tropel os Seoane, os Dieste, os Baltar, os Blanco Amor, os Neira Vilas... Moitos deles náufragos da Guerra Civil, todos pólas esgazadas deste país, que se xuntaban na Federación de Sociedades Galegas ou no café Tortoni de Buenos Aires para trazar o retorno e ver de reenxertarse na árbore nutricia.

Aquelas xentes, coma o Castelao que cantou o poeta de Monterroso, levaban a patria enteira na memoria. E Díaz Pardo, máis novo ca eles, criado na casa da Tumbona, curtido na acción da Fronte Popular e marcado a ferro polo asasinato do pai, foina rescatar en 1955. Entre aquela data e 1968 dedicouse a construír unha ponte de louza entre O Castro e La Plata, entre o exilio republicano e a amnesia colectiva que se apoderou da terra durante décadas. Unha placenta para transportar os materiais da reconstrución nacional.

Isaac converteuse daquela en carteiro do desterro, teimudamente empeñado en combater o alhzéimer que impuña o franquismo. Home grande nun fol pequeno, todo el enerxía, atal un verme de luz que pranta cara á desmemoria. Ducias de libros saídos do prelo do Castro, feixes de documentos atesourados, centos de artigos como as crónicas inconformistas que verteu en La Voz de Galicia certifican que cumpriu a encomenda.

Isaac foi tamén quen de amasar o barro para darlle feitura propia a Galicia, convencido coma Seoane de que, así como as patrias teñen linguas, tamén teñen formas. Sargadelos ergueuse como proba universal da potencia explosiva que ofrece a maridaxe entre arte e industria, creación e utilidade. Empresario atípico, chamoulle un amigo común, non só pola súa vida espartana, senón porque reintegraba ao país cada céntimo de plusvalía.

Nunca logrei falar a soas con Díaz Pardo. Nin sequera cando no 2008 o acompañei, con Alonso Montero e Pérez Touriño, no seu reencontro coa Arxentina, logo de 40 anos de ausencia. Agora xa é tarde de máis. Teño para min que xa anda argallando, canda Seoane e Varela, novas empresas para levantarlle a paletilla a esta terra.